PRESENTACIÓN E COMUNICADO DE OCO [OBSERVATORIO DA CULTURA OURENSÁ]

Ourense é unha cidade con relato.

Foi considerada Atenas de Galicia polo seu patrimonio cultural. É unha cidade con personalidade creadora: musical, plástica, cinematográfica, literaria, teatral, … Viva.

As cidades precisan de planos estratéxicos para ser atraíntes e potenciar o que as singulariza, o que ten que ver cos seus sinais de identidade; espertar interese por descubrila e por xerar futuro.

Calquera cidadán/cidadá de Ourense ten dereito a obter información sobre proxectos normativos, planos, avaliación, orzamentos, execución, … sobre os criterios, e se procede, o proceso de selección dos proxectos de dimensión significativa.

A cultura dunha cidade ten valor identitario e económico. É motor de riqueza persoal, social, material, turística. Ten forza propia dentro do actual contexto económico.

Como cidadáns e cidadás, como axentes, asociacións, empresas, colectivos culturais con diversidade creativa e coa necesidade común dun proxecto de cidade, os abaixo asinantes (e aquelas/es colectivos e persoas que queiran adherirse daquí en adiante) constituimos un Observatorio da Cultura Ourensá (O.C.O.) coa fin de protexer as iniciativas e as actividades culturais da cidade de Ourense, vixiar o seu desenvolvemento e promover novas iniciativas.

 

1. Desde o OCO solicitamos a publicación dun plano estratéxico da Concellería de Cultura.

2. Solicítase claridade e trasparencia nos orzamentos municipais destinados á cultura e un desglose deste orzamento por partidas e actividades específicas e do que se exclúa as festas patronais e relixiosas. Existe unha evidente falta de criterio de defensa do público e do ben común, entendendo a cultura como tal, e non se pode entender o gasto urxente e prioritario nun ben privado que non teña repercusión na cidade.

 3. Solicítase que se facilite aos axentes culturais da cidade o acceso aos recursos e infraestruturas da Concellería de Cultura.

4. Demándase estabilidade na xestión da cultura por parte dos responsables políticos, diante da constante perda ou degradación de citas culturais xa consolidadas.

A desorde, o capricho e a improvisación derivados da inexistencia dun plano de actuación cos seus obxectivos definidos, e a falta de trasparencia que xa é norma indesexada na acción das administracións, sendo unha situación que se vén arrastrando hai anos, están actualmente a ter graves consecuencias como son a perda de recursos económicos e de postos de traballo.

5. Denúnciase unha estratexia para desmontar a cultura de base e unha aposta polo modelo cultural de grandes gastos sen criterio que non repercuten na cidade. A política cultural do artificio.

 

Así mesmo faise un chamamento aos medios de comunicación sobre a necesidade de visibilidade da cultura ourensá, un maior respecto no seu trato e o apoio cara ás diversas actividades culturais realizadas.

Estas peticións fanse extensivas a outras institucións e administracións da provincia e do pais que tamén van ser obxecto de atención do Observatorio.

Non queremos un Ourense triste, gris e autodestrutivo.

Queremos vivir aquí, creamos e traballamos por un Ourense vivo, ledo e cultural.

 

Por iso OCO nace con vocación de continuidade e anuncia a súa próxima cita o luns 16 de setembro ás 20’00 horas no Café Ollo Ledo da cidade de Ourense.

 

 

Asinan [por orde alfabética]:

#imosentrar

A Esmorga

Achegateatres

Agrupación Cultural Auriense

Algaravia

Anacos da cidade

Amigos da terra

Arunrun (xogos e enredos)

Boneca lareta

Bela Auria

Cine Clube Padre Feijoo

Difusora de Letras, Artes e Ideas

ESCUA

Gomes Mouro

Irmandiños de Seixalbo

Libraría Torga

O espertello

Oscar Allos

Recuperar os nomes

Sarabela Teatro

Semente

Trécola Teatro

Xeitura. Xestión Integral do Patrimonio Cultural

 

 

 ADHESIÓN

O teu nome (obrigatorio)

O teu email (obrigatorio)

Represento a asociación/entidade

* Resolver (obrigatorio)

captcha

23
Xul 2013
PUBLICADO POR
DISCUSIÓN 0 Comentarios
ETIQUETAS

Manifesto da Asemblea #EmerxenciaCulturalOurense

logo_emerxenciaculturalourense

Os Municipios desenvolven, entre outras, funcións culturais: a conservación e difusión do patrimonio cultural; a difusión artística; a relación cos creadores e creadoras locais; a relación co asociacionismo cultural; o ciclo festivo tradicional; as bibliotecas e os centros de arte.

A Constitución española encoméndalle a todos os poderes públicos con responsabilidades compartidas en Cultura, tutelar e promover actividades de formación, fomento, promoción e difusión para facilitar o acceso aos bens culturais de todas as persoas, sen distinción.

Xa que segundo a nosa Carta Magna, a Cultura é a columna vertebral dunha sociedade democrática, os Concellos cunha política cultural congruente, desenvolven dous eixes básicos: a democratización da cultura, e o avance progresivo cara a democracia cultural.

QUE ESTÁ A PASAR EN OURENSE?
Ourense é unha cidade con relato. Temos un patrimonio cultural moi rico e cada habitante desta Auria que tan alta estima merece, é digno do dereito á participación e acceso ao alimento que proporciona a música, a poesía, a danza, a literatura, a pintura, o teatro, o cinema, a artesanía, a arquitectura, a arqueoloxía, a escultura, a fotografía….
O que está a pasar en Ourense é que non se cumpren as directrices constitucionais, europeas e internacionais, nin o Pacto de Dereitos Culturais da Unión Europea, de 1966, nin as convencións da UNESCO, nin os pactos [con obrigas xurídicas] recollidos nos documentos básicos de Dereitos Culturais de Nacións Unidas (2010).

ALERTA CULTURAL! Os dereitos deféndense non se vulneran.

Isto non é máis que o bico do iceberg dun problema máis fondo e máis grave. O goberno local leva anos de desleixo cultural e agora pretende subcontratar a actividade do Auditorio Municipal de Ourense. Ao peche do Auditorio, súmanse as cancelacións de actividades e apoios ao tecido cultural de base, o desmantelamento dos Centros Cívicos, a desaparición da Banda de Música, os peches inminentes da Sala Valente, a anulación do Arquivo e do Museo municipais. e o recente anuncio da posíbel liquidación da Universidade Popular A rexedoría intenta converter a cultura pública en show business.

ALERTA! Cos recursos públicos non se mercadea!

O goberno local actúa con belixerancia e descualificacións infundadas, difamando e ferindo. Non tutela, non promove nin democratiza a cultura. Atenta contra o máis valioso do noso capital social coa súa política de abandono do conxunto das Asociacións culturais e veciñais. Xera desacougo. Semella que o grupo que goberna e quen llo consinte, só pensa nas mercadorías, non nos dereitos das persoas.

ALERTA! A irresponsabilidade da xestión é compartida.

O goberno de Ourense di que non se vai facer duplicidade na oferta da cidade. Afirmación pouco clara e moi errática porque en situacións coma a que estamos vivindo, son importantes as duplicidades ou triplicidades, xa que esixen un esforzo económico e organizativo de Concellos, Institucións provinciais e autonómicas.

ALERTA! Non á política cultural arbitraria.

En Ourense, existen dous espazos escénicos que se complementan e poden garantir unha oferta pública diversa para maiorías e minorías, ese é o deber e a responsabilidade da xestión pública, a diferenza da xestión privada. Estase facendo o contrario do que se necesita, danando os alicerces das institucións, infraestruturas, circuítos e iniciativas culturais consolidadas ou en proceso de consolidación.

ALERTA! Non ao desmantelamento da cultura.

Desprezar á nosa cultura é desprezar os nosos recursos, artísticos, sociais, económicos. Porque a cultura é saudábel, ilumina, alimenta, protexe e intensifica a vida. Porque é útil e necesaria. Toda política pública debe basearse en coñecer, planificar e garantir dereitos.

ALERTA! Non ás medidas regresivas e inxerencias lesivas inxustificadas.

POR QUE NOS CONSTITUÍMOS EN ASEMBLEA CIDADÁ?
Reclamamos os nosos dereitos, na defensa da Cultura e da nosa propia identidade. Non queremos deixar de ser NÓS. Vivimos nunha democracia e confiamos en que quen nos goberne non nos vai danar. Non é así. Porén, ten que imperar a a empatía e o diálogo inclusivo. Buscamos lugares de encontro, de axuda solidaria para deter tan perigoso anuncio e actuación por parte da rexedoría municipal e de quen llo permite. Esta é unha iniciativa pola defensa dos dereitos culturais da cidadanía. Polo respecto, a protección e o cumprimento dos pactos e as obrigas.

Diante desta pretensión opaca, da vulneración de dereitos. inaudita e antidemocrática, constituímonos en Asemblea cidadá colaborativa e transpartidista. Para que non nos rouben o que nos pertence, para que non se estrague o que nos nutre. UNÍMONOS neste tempo de angueira e degradación política. Non queremos consentir a amnesia do que foi, a vergonza do que é, nin a paisaxe desolada do que será.

ESIXIMOS que se respecten os dereitos. Que se asuman Modelos de intervención e xestión responsábeis como corresponde a todo consistorio democrático: promover a cultura de base, fomentar unha programación diversa, dinamizar o tecido produtivo e creativo do sector. Facer un emprego óptimo de recursos, coas persoas no centro.

CHAMAMOS a toda a cidadanía, ás Asociacións, Fundacións, Institucións artísticas, culturais e sociais, Museos, Bibliotecas, Escolas de Arte, de Música, Conservatorios, Institutos, Universidades, Voluntariado, Grupos amadores, Profesionais da Cultura, Técnicos, Artesáns, Libreiros, Autónomos, Feministas, Ecoloxistas, Sindicatos, aos sectores económicos, á Hostalaría, ao Comercio, ás Asociación de veciños …

Os dereitos existen para que se exerzan e se non é así, é toda a sociedade a que está sendo privada, esquilmada, traizoada.

Compre visibilizar a nosa loita. Compre ter en conta os obxectivos de desenvolvemento social, pola democratización da cultura e a defensa da súa utilidade ética, estética, social e económica. Compre defendela!

Considerar a Cultura un ben necesario é lexítimo dereito.

Por iso, as persoas que asinamos reclamamos que se respecten os nosos dereitos, rexeitamos o desleixo, o desmantelamento da Cultura en Ourense e esiximos o cese do actual rexedor.

#EmerxenciaCulturalOurense

05
Mai 2021
PUBLICADO POR
DISCUSIÓN 0 Comentarios
ETIQUETAS

Convocatoria de reunión para axentes culturais e asociacións, espazos, festivais ou para aquelas persoas relacionadas coa actividade cultural en Ourense

Diante da situación de diversas actividades culturais, grupos e asociacións relacionadas coa cultura na nosa cidade e diante das vindeiras eleccións municipais, convocamos unha reunión á que estades convidadas/os co obxectivo de sacar un documento de mínimos imprescindibles para poder manter a actividade cultural na cidade de Ourense.

Trátase dunha reunión que pretende aproveitar o momento político pero que non quere ser ‘partidista’ senón que procura a presentación dese documento aos medios de comunicación e á cidadanía en xeral e o pronunciamento dos diversos partidos da corporación ou ben daqueles que poidan formar parte dunha corporación futura ao respecto do mesmo.

A reunión tería lugar o vindeiro xoves 16 de maio ás 20’00 horas no Edificio de Ferro do Campus de Ourense, Sala Multiusos «Emilia Pardo Bazán» [no soto].

Pedímosvos que nos contestedes por calquera medio se ides asistir e agradecemos a difusión desta convocatoria a persoas, asociacións, grupos ou axentes que poidan estar interesados.

Grazas.

10
Mai 2019
PUBLICADO POR
DISCUSIÓN 0 Comentarios
ETIQUETAS