Ourense é unha cidade con relato.
Foi considerada Atenas de Galicia polo seu patrimonio cultural. É unha cidade con personalidade creadora: musical, plástica, cinematográfica, literaria, teatral, … Viva.
As cidades precisan de planos estratéxicos para ser atraíntes e potenciar o que as singulariza, o que ten que ver cos seus sinais de identidade; espertar interese por descubrila e por xerar futuro.
Calquera cidadán/cidadá de Ourense ten dereito a obter información sobre proxectos normativos, planos, avaliación, orzamentos, execución, … sobre os criterios, e se procede, o proceso de selección dos proxectos de dimensión significativa.
A cultura dunha cidade ten valor identitario e económico. É motor de riqueza persoal, social, material, turística. Ten forza propia dentro do actual contexto económico.
Como cidadáns e cidadás, como axentes, asociacións, empresas, colectivos culturais con diversidade creativa e coa necesidade común dun proxecto de cidade, os abaixo asinantes (e aquelas/es colectivos e persoas que queiran adherirse daquí en adiante) constituimos un Observatorio da Cultura Ourensá (O.C.O.) coa fin de protexer as iniciativas e as actividades culturais da cidade de Ourense, vixiar o seu desenvolvemento e promover novas iniciativas.
1. Desde o OCO solicitamos a publicación dun plano estratéxico da Concellería de Cultura.
2. Solicítase claridade e trasparencia nos orzamentos municipais destinados á cultura e un desglose deste orzamento por partidas e actividades específicas e do que se exclúa as festas patronais e relixiosas. Existe unha evidente falta de criterio de defensa do público e do ben común, entendendo a cultura como tal, e non se pode entender o gasto urxente e prioritario nun ben privado que non teña repercusión na cidade.
3. Solicítase que se facilite aos axentes culturais da cidade o acceso aos recursos e infraestruturas da Concellería de Cultura.
4. Demándase estabilidade na xestión da cultura por parte dos responsables políticos, diante da constante perda ou degradación de citas culturais xa consolidadas.
A desorde, o capricho e a improvisación derivados da inexistencia dun plano de actuación cos seus obxectivos definidos, e a falta de trasparencia que xa é norma indesexada na acción das administracións, sendo unha situación que se vén arrastrando hai anos, están actualmente a ter graves consecuencias como son a perda de recursos económicos e de postos de traballo.
5. Denúnciase unha estratexia para desmontar a cultura de base e unha aposta polo modelo cultural de grandes gastos sen criterio que non repercuten na cidade. A política cultural do artificio.
Así mesmo faise un chamamento aos medios de comunicación sobre a necesidade de visibilidade da cultura ourensá, un maior respecto no seu trato e o apoio cara ás diversas actividades culturais realizadas.
Estas peticións fanse extensivas a outras institucións e administracións da provincia e do pais que tamén van ser obxecto de atención do Observatorio.
Non queremos un Ourense triste, gris e autodestrutivo.
Queremos vivir aquí, creamos e traballamos por un Ourense vivo, ledo e cultural.
Por iso OCO nace con vocación de continuidade e anuncia a súa próxima cita o luns 16 de setembro ás 20’00 horas no Café Ollo Ledo da cidade de Ourense.
Asinan [por orde alfabética]:
#imosentrar
A Esmorga
Achegateatres
Agrupación Cultural Auriense
Algaravia
Anacos da cidade
Amigos da terra
Arunrun (xogos e enredos)
Boneca lareta
Bela Auria
Cine Clube Padre Feijoo
Difusora de Letras, Artes e Ideas
ESCUA
Gomes Mouro
Irmandiños de Seixalbo
Libraría Torga
O espertello
Oscar Allos
Recuperar os nomes
Sarabela Teatro
Semente
Trécola Teatro
Xeitura. Xestión Integral do Patrimonio Cultural
ADHESIÓN