Manifesto da Asemblea #EmerxenciaCulturalOurense

logo_emerxenciaculturalourense

Os Municipios desenvolven, entre outras, funcións culturais: a conservación e difusión do patrimonio cultural; a difusión artística; a relación cos creadores e creadoras locais; a relación co asociacionismo cultural; o ciclo festivo tradicional; as bibliotecas e os centros de arte.

A Constitución española encoméndalle a todos os poderes públicos con responsabilidades compartidas en Cultura, tutelar e promover actividades de formación, fomento, promoción e difusión para facilitar o acceso aos bens culturais de todas as persoas, sen distinción.

Xa que segundo a nosa Carta Magna, a Cultura é a columna vertebral dunha sociedade democrática, os Concellos cunha política cultural congruente, desenvolven dous eixes básicos: a democratización da cultura, e o avance progresivo cara a democracia cultural.

QUE ESTÁ A PASAR EN OURENSE?
Ourense é unha cidade con relato. Temos un patrimonio cultural moi rico e cada habitante desta Auria que tan alta estima merece, é digno do dereito á participación e acceso ao alimento que proporciona a música, a poesía, a danza, a literatura, a pintura, o teatro, o cinema, a artesanía, a arquitectura, a arqueoloxía, a escultura, a fotografía….
O que está a pasar en Ourense é que non se cumpren as directrices constitucionais, europeas e internacionais, nin o Pacto de Dereitos Culturais da Unión Europea, de 1966, nin as convencións da UNESCO, nin os pactos [con obrigas xurídicas] recollidos nos documentos básicos de Dereitos Culturais de Nacións Unidas (2010).

ALERTA CULTURAL! Os dereitos deféndense non se vulneran.

Isto non é máis que o bico do iceberg dun problema máis fondo e máis grave. O goberno local leva anos de desleixo cultural e agora pretende subcontratar a actividade do Auditorio Municipal de Ourense. Ao peche do Auditorio, súmanse as cancelacións de actividades e apoios ao tecido cultural de base, o desmantelamento dos Centros Cívicos, a desaparición da Banda de Música, os peches inminentes da Sala Valente, a anulación do Arquivo e do Museo municipais. e o recente anuncio da posíbel liquidación da Universidade Popular A rexedoría intenta converter a cultura pública en show business.

ALERTA! Cos recursos públicos non se mercadea!

O goberno local actúa con belixerancia e descualificacións infundadas, difamando e ferindo. Non tutela, non promove nin democratiza a cultura. Atenta contra o máis valioso do noso capital social coa súa política de abandono do conxunto das Asociacións culturais e veciñais. Xera desacougo. Semella que o grupo que goberna e quen llo consinte, só pensa nas mercadorías, non nos dereitos das persoas.

ALERTA! A irresponsabilidade da xestión é compartida.

O goberno de Ourense di que non se vai facer duplicidade na oferta da cidade. Afirmación pouco clara e moi errática porque en situacións coma a que estamos vivindo, son importantes as duplicidades ou triplicidades, xa que esixen un esforzo económico e organizativo de Concellos, Institucións provinciais e autonómicas.

ALERTA! Non á política cultural arbitraria.

En Ourense, existen dous espazos escénicos que se complementan e poden garantir unha oferta pública diversa para maiorías e minorías, ese é o deber e a responsabilidade da xestión pública, a diferenza da xestión privada. Estase facendo o contrario do que se necesita, danando os alicerces das institucións, infraestruturas, circuítos e iniciativas culturais consolidadas ou en proceso de consolidación.

ALERTA! Non ao desmantelamento da cultura.

Desprezar á nosa cultura é desprezar os nosos recursos, artísticos, sociais, económicos. Porque a cultura é saudábel, ilumina, alimenta, protexe e intensifica a vida. Porque é útil e necesaria. Toda política pública debe basearse en coñecer, planificar e garantir dereitos.

ALERTA! Non ás medidas regresivas e inxerencias lesivas inxustificadas.

POR QUE NOS CONSTITUÍMOS EN ASEMBLEA CIDADÁ?
Reclamamos os nosos dereitos, na defensa da Cultura e da nosa propia identidade. Non queremos deixar de ser NÓS. Vivimos nunha democracia e confiamos en que quen nos goberne non nos vai danar. Non é así. Porén, ten que imperar a a empatía e o diálogo inclusivo. Buscamos lugares de encontro, de axuda solidaria para deter tan perigoso anuncio e actuación por parte da rexedoría municipal e de quen llo permite. Esta é unha iniciativa pola defensa dos dereitos culturais da cidadanía. Polo respecto, a protección e o cumprimento dos pactos e as obrigas.

Diante desta pretensión opaca, da vulneración de dereitos. inaudita e antidemocrática, constituímonos en Asemblea cidadá colaborativa e transpartidista. Para que non nos rouben o que nos pertence, para que non se estrague o que nos nutre. UNÍMONOS neste tempo de angueira e degradación política. Non queremos consentir a amnesia do que foi, a vergonza do que é, nin a paisaxe desolada do que será.

ESIXIMOS que se respecten os dereitos. Que se asuman Modelos de intervención e xestión responsábeis como corresponde a todo consistorio democrático: promover a cultura de base, fomentar unha programación diversa, dinamizar o tecido produtivo e creativo do sector. Facer un emprego óptimo de recursos, coas persoas no centro.

CHAMAMOS a toda a cidadanía, ás Asociacións, Fundacións, Institucións artísticas, culturais e sociais, Museos, Bibliotecas, Escolas de Arte, de Música, Conservatorios, Institutos, Universidades, Voluntariado, Grupos amadores, Profesionais da Cultura, Técnicos, Artesáns, Libreiros, Autónomos, Feministas, Ecoloxistas, Sindicatos, aos sectores económicos, á Hostalaría, ao Comercio, ás Asociación de veciños …

Os dereitos existen para que se exerzan e se non é así, é toda a sociedade a que está sendo privada, esquilmada, traizoada.

Compre visibilizar a nosa loita. Compre ter en conta os obxectivos de desenvolvemento social, pola democratización da cultura e a defensa da súa utilidade ética, estética, social e económica. Compre defendela!

Considerar a Cultura un ben necesario é lexítimo dereito.

Por iso, as persoas que asinamos reclamamos que se respecten os nosos dereitos, rexeitamos o desleixo, o desmantelamento da Cultura en Ourense e esiximos o cese do actual rexedor.

#EmerxenciaCulturalOurense

05
Mai 2021
POSTED BY
DISCUSIÓN 0 Comentarios
ETIQUETAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>